Thursday 09 de May de 2024

A Xunta resalta os avances en materia de apoio á infancia e adolescencia


O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe a escola infantil Pequerrechos de Culleredo e a Casa de Familia da entidade Dignidad na Coruña

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe os avances que nos últimos anos se deron en Galicia na atención á infancia e adolescencia, con medidas como a gratuidade das escolas infantís ou o reforzamento dos programas e servizos de atención a menores vulnerables. O director xeral visitou hoxe a escola infantil Pequerrechos de Culleredo e a Casa de Familia que xestiona a Asociación Dignidad na Coruña.

Jacobo Rey destacou a boa acollida que tivo a implantación da gratuidade de 0 a 3 anos tanto entre as familias como entre o sector, pois supón os aforro importante para as primeiras e se pon en valor a atención educativa na primeira infancia.

Por outra banda, o director xeral subliñou que as Casas de Familia xunto con outros recursos do sistema autonómico de protección, como o acollemento familiar, son garante de que nenos adolescentes en situación ou risco de vulnerabilidade dispoñan do apoio que necesitan para que poidan desenvolverse plenamente.